Moito máis ca piragüismo nunha intensa primeira xornada

0
629

7:30 a.m. Está a piques de comezar a primeira xornada de competición nos Campionatos de Europa Master. No contorno da Ponte dos Tirantes, engalanada coas bandeiras dos países participantes, xa se respira o ambiente das grandes citas. Os corpos de seguridade xa están despregados polo Lérez e desprázanse dun punto a outro coa delicadeza dun peculiar ballet acuático: non se pode perder detalle de todo o que aconteza no río e nas súas beiras, pero tampouco perturbar aos deportistas coa oleaxe.

8:30. A temperatura comeza a subir, literal e figuradamente, coas saídas das primeiras probas (máis dunha vintena nesta xornada inicial). A auga, lisa coma un prato malia a lixeira brisa que refresca aos afeccionados, que pouco a pouco van enchendo de cor o paseo e as bancadas. Concentrados como están na preparación das súas regatas, moitos deportistas master nin sequera reparan en que están compartindo espacio de adestramento cun campeonísimo da talla de Tono Campos, quen nada máis rematar a súa sesión, canoa en man, recibe aos profesionais da Televisión de Galicia e explica tódolos detalles dun circuito único e espectacular.

Mediodía. O sol apreta e os deportistas non son os únicos que o sufren. Na ‘trastenda’ dos campionatos, o persoal asistencial fai frente á calor como boamente pode, facendo turnos para poder gozar tamén do espectáculo. “De momento vai todo normal, só se achegaron un par de persoas, pero por cousas leves”, coméntannos na carpa da Cruz Vermella. Os podios vanse sucedendo a un ritmo vertixinoso e, case sen decatarnos, chegamos ás últimas probas… ¿Damos por rematada a xornada? Soamente no que á competición se refire.

VISITA GUIADATralo almorzo e a sesta (costume sen dúbida exportable) chega o turno da visita guiada pola cidade -en español e inglés-, na que participan, entre outras autoridades, os directivos da Federación Internacional Jorn Cronberg e Ruud Heijselaar. Dende a Praza de España, os visitantes van descubrindo a historia que se agocha en cada recuncho do casco histórico para poñer o broche a un día completo, anticipo de todo o que aínda está por vir.

Mañá, doble sesión: pola mañá, segunda xornada dos Europeos Master; pola tarde, turno para a cerimonia inaugural do Europeo de Maratón (19:30h.), un acto sinxelo pero que, con toda seguridade, non deixará indiferente a ninguén. Malaguita DJ, Os de Algures e Davide Salvado poran a música. Pontevedra porá o resto.