O Concello inicia a campaña informativa do Europeo de Piragüismo Maratón 
de xuño en Sevilla e Banyoles

0
1006

O Concello de Pontevedra inicia esta semana a promoción do Campionato de Europa de Piragüismo Maratón que se celebrará no Lérez entre o 26 de xuño e o 3 de xullo. O Comité executivo da proba deseñou unha campaña informativa co obxectivo de dar a coñecer o campionato e tamén a cidade. Son uns grandes cubos informativos e trípticos que viaxan esta fin de semana cara Sevilla onde se celebrarán os Campionatos de España de Piragüismo.

O Comité executivo da proba de Pontevedra quería estar en Sevilla porque alí arranca a tempada, e nela van participar moitos clubs da cidade, xunto á Federación Galega “que serán os embaixadores da cidade e do Campionato de Europa”, explicou esta mañá a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.

O seguinte evento no que terá presenza o Europeo será no Campionato de España Piragüismo Maratón que se celebrará en Banyoles o 14 e 15 de maio. Ademais, nesta proba farase o selectivo para o Campionato de Europa.

Outras accións de difusión do Europeo serán os izados das bandeiras do campionato, que será 50 días antes do seu inicio (9 de maio) na ponte dos Tirantes e na praza do Concello.

A concelleira de Deportes explicou que xa mantivo encontros cos clubs de piragüismo da cidade solicitando a participación activa de todos eles, xa que os obxectivos están claros: unha importante contribución para a economía local e tamén para visibilizar a fortaleza deste deporte. Por iso solicitoulles a colaboración para que formen parte do voluntariado da proba (dende os máis cativos até os pais), ou para elaborar unha programación de actos paralelos á proba que sirva para que as persoas coñezan o deporte do piragüismo.

Aínda que o número de participantes aínda está por pechar, a concelleira de Deportes adiantou esta mañá que poderán roldar os 400 na proba de máster e outros tantos na proba de elite.